jueves, 3 de noviembre de 2011

METEOROLOXÍA POPULAR

ANIMAIS E PLANTAS: UNS METEORÓLOGOS MOI FIABLES

Os animais e as plantas cando se aveciñan cambios de tempo compórtanse de xeito diferente a como soen facelo habitualmente. Dende hai miles de anos o ser humano observou moi de preto ao resto dos seres vivos para predicir a chegada de épocas de seca ou de chuvia, sobre todo dende que o ser humano se fixo agricultor e gandeiro.
Algunhas aves, por exemplo, axustan os seus vos aos cambios de temperatura, humidade, presión e densidade do aire; nos días moi calorosos voan a moita altura, deixándose levar polas correntes cálidas ascendentes.
Pola contra, cando se aproxima unha tormenta o seu vo pode ser máis baixo do habitual e cunha traxectoria circular.
Cando as andoriñas e vencellos voan alto na percura de insectos é un sinal de que a atmosfera presenta signos de inestabilidade e o risco de tormenta pode ser inminente. Isto débese a que durante as tardes cálidas e abafantes, o aire quente, que pesa menos que o aire frio, ascende e lévase consigo aos insectos e son precisamente estas correntes cálidas ascendentes as que van unidas ao tempo tormentoso.

Cando regresan as aves migratorias é un signo claro de que a primavera está a piques de chegar.
O cuco : a súa chegada tamén nos indica a chegada da primavera.
Os insectos tamén son bos meteorólogos:
As abellas soen volver ao seu panal cando se aproxima unha tormenta. Cando no outono hai máis abellas do habitual e semellan moi activas nos están predicindo un inverno frío e con abondosas nevadas.
As formigas: se se amosan moi activas e marchan en liña recta indican un tempo chuvioso ou máis inestable.
Pero o insecto máis preciso á hora de darnos información sobre o tempo é o grilo. Este insecto aumenta o número de "cric-crics" a medida que sobe a temperatura do aire debido a que o aire quente acelera o seu metabolismo. Debido a este fenómeno, o grilo é un bo termómetro, xa que se contamos o número de "crics" que emiten por cada minuto poderemos calcular a temperatura aproximada do aire.
Uns científicos americanos, que estudaron durante anos a estes insectos, elaboraron unha fórmula que podemos utilizar para coñecer a temperatura aproximada do aire. A fórmula é a seguinte:

Temperatura do aire =  Nº Crics por minuto  - 9
                               5


Debemos facer como cando nos tomamos o pulso, é dicir, contar o nº de crics en 15 segundos e multiplicando por 4 obteremos o nº de crics por minuto.

Cando as vacas sentan ou agrúpanse nun extremo dun campo están indicando que vai chover. Sentan para manter a parcela de herba seca e xúntanse buscando protección.


En Estados Unidos de América existe o "día da marmota do tempo", é o día 2 de febreiro, se ese día cando sae do seu acubillo, chimpa e volve a meterse nel é porque viu a súa propia sombra e asustouse. Neste caso, permanecerá no seu acubillo hibernando 6 semanas máis. A explicación deste comportamento é que se o sol brilla intensamente no inverno e porque predomina o aire polar moi seco e frío; se non fora así a marmota non vería a súa sombra a causa da nubosidade  e un aire máis húmido e cálido indicarían que a chegada da primavera é inminente e a marmota, animal moi durmiñón, pondría fin á súa hivernación.


As rás  son expertas en  cambios da presión atmosférica xa que comezan a croar máis intensamente ante as proximidades de baixas presións (borrascas) que traen o tempo chuvioso. Tamén soportan moi mal a falta de humidade na pel; polo que, cando o aire é moi seco, permanecen máis tempo na auga e cando é algo máis húmido saen fóra.


A actividade tecedora das arañas tamén está relacionada  con situacións estables e tranquilas: tecen máis cando o tempo é mellor, e pola contra tecen menos cando o tempo é chuviosos, pois a chuvia estragaría as súas delicadas teas.


As piñas soen pecharse cando hai moita humidade e poden anticipar chuvia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario